Sindo de Olelas
Los gastos de envío se recalculan al introducir la dirección de destino. Más información.
“Olelas ou o asombro. Pedra, cachenas… e concertina. Fenómeno único na Galiza toda. Unha pequena aldea (só sesenta casas) que, por tradición, bailla con este son. Calquera noite de vrao pode soar o vira. Antroido, Matanza, Reis… Non existe (ou existía) celebración, pública ou familiar, na que alguén non pouse os dedos enriba deste instrumento.”
Xurxo Souto
Olelas, concello de Entrimo, provincia de Ourense. Como os seus veciños din ,“unha aldea empoleirada na montaña”. No outro lado dun encoro -todos son familia-, A Várzea xa é Portugal. Terra de músicos. Calquera celebración xira ao redor dun instrumento: “a concertina” (acordeón diatónico).
Como en todas as aldeas contratan unha orquestra o día da festa. Mais aquí o clímax chega xusto no descanso, cando as concertinas soben ao palco e a parroquia enteira baila as danzas que aprenderon dos seus maiores: o vira, o S, e a cana verde.
O gran tocador destes tempos foi Sindo, directamente Sindo de Olelas. Como a maioría dos seus veciños emigrou a Francia (polo verán esta é unha aldea bilingúe, campan nela dous idiomas: o galego e o francés). Por suposto, canda a maleta levou tamén o instrumento. E tanta foi a súa paixón que á volta, cando construíu a casa nova, fixo no salón un pequeno palco para poder tocar en toda celebración.
Deixounos a finais desta segunda década do século XXI. Mais a tradición continúa. Alén dos propios tocadores de Olelas, os fillos de Sindo bailan nos ranchos portugueses de París. E o seu neto espalla por Francia adiante o repertorio destas montañas.